Thursday 02 de May de 2024

Brión abre ata o 30 de maio a preinscrición nos obradoiros de verán, que terán lugar por quincenas do 23 de xuño ao 10 de setembro


Dirixido a nenos e nenas de 3 a 15 anos, están dirixidos unicamente a persoas empadroadas en Brión, tendo preferencia as familias sen outra posibilidade de conciliación

O Concello de Brión convoca os obradoiros de verán que, por segundo ano consecutivo e con motivo da pandemia da Covid-19, estarán dirixidos única e exclusivamente a rapaces e rapazas de entre 3 e 15 anos que estean empadroados no municipio. O Concello de Brión ofrece 40 prazas, para as que terán preferencia aquelas familias que non teñan outra posibilidade de conciliación.

Os obradoiros terán lugar do 23 de xuño ao 10 de setembro, en horario de 8:00 a 15:00 horas, e a preinscrición poderá realizarse ata o 30 de maio en actividadesbrion@gmail.com ou no 981 50 99 08. Para iso será preciso encher a folla de solicitude, descargable na web municipal (www.concellodebrion.gal). A cota a aboar dependerá da renda familiar.

Os obradoiros organizaranse en seis quincenas, onde a rapazada distribuirase por idades en grupos dun máximo de 9 nenos e nenas. Deste xeito, as actividades que se realicen estarán adaptadas a cada grupo de idade: plástica, natureza, música, artesanía… Uns obradoiros que seguirán en todo momento os protocolos de seguridade indicados polas autoridades sanitarias.